Tuesday 14 de May de 2024

O Concello entrega os premios do VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”


As doce imaxes finalistas compoñen o tradicional calendario co que o Concello de Boqueixón agasalla á veciñanza polo Nadal

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, vén de entregar os premios do VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”. O xurado destacou a gran calidade técnica e compositiva das fotografías presentadas a este certame, que ten como principal obxectivo dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do noso municipio.

Entre as fotografías finalistas, o xurado escolleu as tres gañadoras nunha axustada votación. O primeiro premio foi para Alejandra Fernández Vilela pola súa fotografía “O rei da Ponte”, que recibiu un vale de 200 euros para empregar en calquera establecemento de Boqueixón. O segundo posto foi para Elisabet López Carvalhais por “Pico Sacro e mar de nubes”, cun premio de 100 euros. Os 50 euros do terceiro posto foron para Antía Castro Vázquez por “Amencer desde o Pico”.

Das imaxes presentadas, o xurado seleccionou doce finalistas que compoñen o tradicional calendario que o Concello de Boqueixón edita todos os anos e co que agasalla á veciñanza polo Nadal. Unha selección na que se tiveron en conta os seguinte criterios á hora de elaborar cada fotografía: técnica, composición, impacto visual, mensaxe transmitida, creatividade e dificultade.